SorteoO sorteo dunha viaxe de dous días para dúas persoas aos pobos da comarca da Maragatería e León ("Ruta dos maragatos", a gozar a fin de semana do 6 e 7 de abril), celebrado este sábado no descanso do partido Amfiv-Bilbao, foi gañado polo posuidor do boleto 16.673, vendido polo Balaídos CF, e supuxo para uns corenta clubs do programa Siareiros un ingreso de 48.000 euros.

Por cuarto ano consecutivo, Fundación VIDE e Viaxes Zonda puxeron en marcha esta iniciativa de apoio ás entidades deportivas locais, que colocaron 48.000 rifas (o donativo era de 1 euro) grazas a esta acción. Dende que Zonda e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, alcanzaron este acordo, os clubs adscritos ao programa Siareiros ingresaron uns 157.000 euros. O sorteo, público, foi presentado no polideportivo Pablo Beiro por Carlos Tresandí, que dirixe o programa "Como que non?" na TVG, e contou coa presenza do edil de Deportes, ademais da directora da axencia, Alice Martínez, e o presidente do Club Deportivo Amfiv, Chechu Beiro.

O número gañador foi o 16.673. A continuación procedeuse a extraer, sempre dun en un, os dous boletos reserva, resultando elixidos o 10.549 (vendido por Natación Sincronizada Rías Baixas) como primeiro reserva e o 41.289 (Moledo CF) como o segundo reserva.

Esta colaboración entre Viaxes Zonda e a Fundación VIDE iniciouse en 2016 e ata agora o Amfiv (2016), El Olivo (2017) e o Octavio (2018) foran as entidades vendedoras da participación.