O Magope Seis do Nadal Coia queda sen premio nunha tempada para enmarcar

Imprimir

seis nadalO Magope Seis do Nadal Coia despediuse da tempada 2014-2015 cunha sabor agridoce. Logrou vencer a domicilio ao Promens Cañiza por 23-30, pero a xornada non foi propicia aos seus intereses. O Acanor Atlético Novás cumpriu co previsto e tamén gañou en Bueu así que o equipo vigués quedouse ás portas de xogar a fase de ascenso a División de Honra Prata.

O Magope Seis do Nadal Coia concluíu a liga no terceiro posto, a 4 puntos do líder (Cisne Balonmano), a 2 do segundo (A. Novás) e con tres de vantaxe sobre o cuarto (Construcións Castro Chapela). Dos 30 partidos disputados gañou 24 e perdeu 6. Foi o segundo equipo menos goleado da categoría (encaixou 689 goles), e o oitavo no “ranking” de máximos realizadores (862 goles a favor).

Esa “pequena decepción” de non poder clasificarse para xogar o play off non debe empañar a gran tempada que realizou o equipo. Así o creen desde o clube e así o manifesta tamén o propio técnico que só ten palabras de eloxio para os seus; “a entrega dos xogadores, dos delegados, dos adestradores e a achega do filial foi clave para que poidamos pelexar por estar nesa fase de ascenso ata a última xornada na tempada máis dura e longa que disputamos en Primeira”, asegura Jorge Fernández.

E... ¿que faltou? “As baixas e lesións de xogadores importantes mermaron o xogo do equipo e provocaron que chegásemos moi xustos a moitos partido. Iso, unido á calidade dos equipos aos que nos enfrontamos, pasounos factura”, recoñece o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia.

Ao contrario que a gran maioría dos equipos de Primeira Estatal, o plantel do Magope Seis do Nadal Coia está formado por xogadores da casa e iso, asegura Jorge Fernández “demostra que o proxecto de canteira do clube é un modelo de futuro e estabilidade”.