A familia do Seis do Nadal Coia volverase a reunir este sábado para lembrar a Víctor Lis. O clube vigués organiza no pavillón de Coia unha nova edición do Memorial que homenaxea ao xogador da casa falecido en 2006 a causa dunha grave enfermidade.

O evento inclúe a celebración de dous partidos nos que os principais equipos do clube veranse as caras cos máximos representantes da SAR.

O Memorial Víctor Lis arrincará ás 18 horas coa disputa do partido feminino que enfrontará aos equipos de División de Honra Prata de ambos os clubes. Ás 19.30 veranse as caras os equipos de Primeira Nacional masculina.

O Memorial celébrase dúas semanas antes do comezo de ambas as ligas así que se presenta como unha boa ocasión para saber cómo van chegar os equipos do Seis do Nadal Coia a ese inicio ligueiro.

O Magope Seis do Nadal Coia de DHPF levantará o pano da nova tempada o sábado 26 ás 17.30 horas recibindo en casa á AD Carballal mentres que o equipo de Primeira Nacional estrearase tamén en Coia, ese mesmo día dúas horas despois, medíndose ao Bm. Artabro Novo Mesoiro.