O Magope Seis do Nadal Coia decide o partido nunha grande primera parte

Imprimir

O Magope Seis do Nadal Coia mantense invicto na casa. Onte impúxose ao Vitaldent Balonmano Pontevedra, 29- 23, e sumou a súa terceira vitoria no que vai de liga. Os vigueses sentenciaron o encontro nos dez primeiros minutos de partido cun parcial de 9-2, un duro golpe para o equipo da Cidade do Lérez que se viu totalmente desbordado polo xogo dos locais.

Tal foi a superioridade do Magope Seis do Nadal Coia durante a media hora inicial que logrou irse ao descanso gañando de 11 tantos (22-9).

Con ese resultado, a segunda parte non tivo apenas historia. O Vitaldent Balonmano Pontevedra tratou de aproveitarse da relaxación dos de Jorge Fernández para recortar distancias e meterse no partido; chegou ata a situarse a 4 tantos (25-21, min. 48) pero foi incapaz de culminar a súa remonta.

Ao final, o adestrador do Magope Seis do Nadal Coia mostrábase contento polo xogo despregado polo seu equipo na primeira parte “porque ofrecemos a nosa mellor versión”, dixo, pero molesto polos erros en defensa e o exceso de relaxación dos seus xogadores na segunda “que a piques estiveron de meter no partido ao Pontevedra”.

Andrés Novoa, con 7 tantos, foi o máximo goleador do Magope Seis do Nadal Coia. O resto anotáronos Jacobo Rodríguez (4), Javier Freijeiro (3), Adrián Leirós (3), Marco Treinta (3), Dani Alves (2), Denís Estévez (2), Iván López (2), Diego Fernández (1), Germán Iglesias Aymerich (1) e David Costa (1).

A vindeira fin de semana os vigueses visitarán a cancha da SAR Plastium Omninum.