Grande vitoria do Club Vigo ante Zaragoza

Imprimir

_mg_3864Os que se achegaron a Coia onte mércores, puideron gozar de dúas cousas importantes, unha que o seu equipo saíu vitorioso do encontro contra Zaragoza e outra que se puido ver un bo espectáculo.

Os dous equipos empregáronse a fondo e sen ningún tipo de contemplacións. Por unha parte chegaban os colíderes que o facían para seguir mantendo esa posición de privilexio e pola outra a necesidade de darlle tranquilidade a xogadores e afección, por parte viguesa. Cumpriuse a última e a alegría, ao final do partido, fíxose extensiva ás bancadas do pavillón.

Con certo medo, por parte local, comezou o encontro, e ao mesmo tempo con moita igualdade. Eran os vigueses os que levaban o marcador por diante, pero nunca mais de dous puntos. O primeiro tempo técnico marcouse con 8-7 para os vigueses, que legaron a poñerse dous puntos arriba finalizando o set 23-21 pero que non o souberon rematar. Os visitantes fixeron gala do seu bo traballo e empataron a 23 puntos. Pero cando todos pensaron que os erros serian dos locais foron eles os que cos seus acertos pecharon o set.

O segundo set foi moito mais levadeiro para os discípulos de Calafell xa que na metade do set dobraban os visitantes 13-6. A partir dese momento os vigueses confiáronse e comezaron a xurdir dúbidas sobre unha vitoria que en principio parecía que podía ser clara e o marcador chegou a dous puntos de diferenza 17-15. Dúas grandes defensas locais e dous bloqueos puxeron, novamente, as cousas no seu sitio e os locais achegáronse ao final cunha claro 23-19. Esa diferenza a outeiro con dous puntos mais que daban o 2-0 para os locais.

O terceiro set foi un calco do primeiro. Foron os maños os que se puxeron dous puntos arriba 10-12, que levaron a preocupación ás bancadas e banco locais. Os empates sucedíanse no marcador e ningún se despegaba do seu rival. Ao segundo tempo técnico chéganse con dous puntos arriba os vigueses 16-14 que mantiveron ata o 23-21. A partir dese momento xurdiu o medo a gañar e os visitantes chegaron a empatar o set a 23 puntos. Despois do empate a 25 puntos chegaron os grandes saques Diego Mahia que pecharon o set e o partido.

CLUB VIGO 3 MULTICAIXA ZARAGOZA 0
Parciais. 26-24 (30m.) 25-19 (26m.) 27-25 (35m.)
VIU; Branco; Nenad; Silvio; Chaso; Guerreiro e Romeral. Libre Regueiro. Tamén xogaron: Mahia; Galego e Lloret.

ZARAGOZA; Barbosa; Fidalgo; Thiago; Crespo; Denmark e Viciana. Libre Costa. Tamén xogaron: Ferreira; De Araujo e Batallán.

Árbitros. Folgar e Ares.
Pavillón de Coia: 150 espectadores.