Calquera bo observador podía darse conta da situación dos dous conxuntos e a grande diferenza que existe entre eles. Mentres o Club Vigo é último o Fundación Cajasol Juvasa Voley ocupa a cuarta posición da clasificación e isto non deixa de ser un lastre para o conxunto vigués.

Pero do que o bo observador se daba conta é que os xogadores locais, non todos, saíron derrotados ao campo antes do comezo do encontro. A consecuencia diso foi que Sevilla pasou como unha apisoadora por Coia e os moitos afeccionados que se deron cita no pavillón marcharon amoucados xa que esperaban que polo menos os vigueses opuxesen certa resistencia que é o que veñen facendo ultimamente.

Desta forma podemos dicir que o primeiro set xa comezou con grandes diferenzas para os visitantes pois se chega ao primeiro tempo técnico con catro puntos de vantaxe 4-8. Unha pequena reacción viguesa fixo que se achegasen a un punto 8-9, pero foi un espellismo xa que ao momento os algarismos duplicáronse 9-18. Pouca mais historia tivo este set entregado con moitos erros locais.

O segundo foi moi parecido ao anterior xa que no tempo técnico xa había unha diferenza de tres puntos 5-8 que mais adiante fóronse incrementando e novamente grazas aos erros locais, sobre todo en recepción, fixeron que o marcador se duplicase a favor dos visitantes, 9-18. Pouca mais historia tivo o set salvo dicir que a porcentaxe de erros se mantivo igual que no set anterior.

O terceiro e último comezou con mais igualdade xa que a recepción viguesa se estaba a entoar e ao primeiro tempo técnico chegouse con moita igualdade 7-8, pero sempre a favor dos visitantes. A partir dese momento comezaron a chegar as dúbidas de sets anteriores e os erros empezaron a igualar a porcentaxe anterior o que fixo que o set e por conseguinte o partido puxese imposible.

Despois desta derrota, e sobre todo como se produciu, os locais xa empezan a ver os resultados doutros equipos por se existe a posibilidade de chegar a alcanzar algún deles aínda que visto o visto esta tarde se pon moi complicada a situación dos xogadores que dirixe Eduardo Sánchez.

Trátase de non botar a toalla e seguir traballando de cara a que todos poidan chegar a ter a experiencia suficiente para, sobre todo, non cometer a cantidade de erros que se puideron ver estar tarde en Coia.

A próxima semana os vigueses desprázanse a Andorra, único equipo ao que se venceu e que nestes momentos podería pasar por alí unha táboa de salvación.

CLUB VIGO 0 CAJASOL 3
Parciais 14-25 (25 m.) 13-25 (24m.) 18-25 (30m.)
VIGO; Sánchez; Parga; Mateo; Linares; Rodríguez e Galego. Libre Cali. Tamén xogaron; Penedo; Peláez e Alonso.
CAJASOL; Sanllehi; Nassini; Justiniano; Ruiz; Cabreira e Rocha. Libre Ramos. Sen cambios.
Árbitros: Losada e Álvarez.
Pavillón de Coia. 250 espectadores.