Calquera bo observador podía darse conta da situación dos dous conxuntos e a grande diferenza que existe entre eles. Mentres o Club Vigo é último, o Castellón ocupa a cuarta posición da clasificación e isto non deixa de ser un lastre para o conxunto vigués. Pero do que o bo observador se daba conta é que os xogadores visitantes, non todos, saíron derrotados ao campo antes do comezo do encontro (3-1). A consecuencia diso foi que puidemos ver dúas versións diferentes dos vigueses.

Unha primeira, onde o sexteto formado polos xogadores senior do conxunto non foron capaces de dobregar aos locais e outra cando saltaron ao campo os xuvenís, no terceiro set, que foi cando vimos a un conxunto que non se engurrou en ningún momento e foron capaces de vencer. Iso significa que os mais novos van progresando e dan guerra ata ao conxunto que ocupa a cuarta posición na liga e isto non deixa de ser importante para os vigueses que ven progresar aos xogadores da súa canteira.

O primeiro set foi moi igualado e soamente os locais eran capaces de despegarse no marcador por dous puntos 16-14. A partir dese momento, o conxunto galego non foi quen de igualar o marcador e quedaron cravados no punto 17 para que os locais fixesen 6 puntos. Con esta diferenza os vigueses soamente puideron maquillar o resultado final do set.

O segundo xa non foi tan igualado, xa que, dende o inicio foron os locais os que se fixeron co marcador, con moita facilidade, o que lles permitiu ir regulando as diferenzas. Pasouse dun 10-5 ata un 16-9 no segundo tempo técnico. Os castellonenses xa xogaban mais relaxados e a favor de marcador o que lles permitía esperar os erros visitantes para ir sumando puntos, algo que vén sendo habitual dende o comezo da liga cando os vigueses se achegan ao final dun set lles custa moito rematalo.

O terceiro set foi o mellor xogado por parte visitante, cabe destacar que foi cando se lles deu entrada a todos os xuvenís. Con eles no campo viuse moita mais alegría e sobre todo outra forma de estar no partido. Os locais non sabían por onde chegaban os ataques dos vigueses e con moi boas defensas e, sobre todo, con grandes bloqueos foron quen de vencer a domicilio ao cuarto clasificado da liga española un set e na súa propia casa.

O cuarto e definitivo fixérono todo enteiro, novamente, os xuvenís que tamén deron guerra ao conxunto local. Nesta ocasión os locais aproveitáronse da súa veteranía para dobregar aos mais pequenos do conxunto vigués. Desta forma aos vigueses quédalles traballar durante a semana para afrontar, como mínimo, coas mesmas garantías o encontro en Las Palmas contra Vecindario a fin de semana próxima.

LILLA I GRAU 3 CLUB VIGO 1
Parciais 25-20 (26 m.) 25-17 (26m.) 20-25 (27m.) 25-16 (28m.)
Castellón: Dreyer; Rivera; Herrera; Vázquez, Martín e Blasco. Libre Bescos. Tamén xogaron: Junquera e Montoliu.
VIGO; Sánchez; Parga; Mateo; Linares; Rodríguez e Alonso. Libre Cali. Tamén xogaron; Penedo; Isaac Sánchez e Oscar Sánchez
Árbitros: Godoy e Romeiro. Ben.
Pavillón: Ciutat Esportiva de Castellón. 100 espectadores.