O ciclista do Autronic-Club Ciclista Vigués conseguiu unha destacada décima praza na etapa raíña da Volta Internacional ao Besaya, e a undécima na clasificación xeral final. Este posto correspondeuse tamén co de cuarto mellor ciclista español na carreira cántabra, que estivo dominada polos corredores rusos do Lokomotiv, acaparadores das tres prazas do podio.

A Volta ao Besaya está considerada como a mellor e máis esixente proba por etapas do calendario ciclista español e como unha das de máis prestixio no concerto europeo, dentro da categoría júnior. Este ano reuniu cento sesenta ciclistas distribuídos en vinte e trés equipos de Europa e América, o cal fai máis relevante o undécimo posto do ciclista do equipo vigués.

Iván Roade, que disputou a carreira cedido ao equipo cántabro Almacenes Lavín, xa se adxudicara o ano pasado a Volta á Rioja, no seu primeiro ano como júnior. En categoría cadete tamén fora campión galego de contra o reloxo. Outro galego, Jacobo Ucha (Novacaixagalicia), rematou décimo.