O corazón da cidade verá ciclismo afeccionado do bo hoxe e mañá

Imprimir
planolineaTodo está disposto para o Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo afeccionado. A proba reconquista o corazón da cidade, porque "ese era o desexo do goberno municipal?" lembra o concelleiro de deportes, Manel Fernández, tamén presidente de VIDE.

A primeira xornada celebrarase hoxe sábado (17:00 horas) sobre un circuíto na Avenida de García Barbón, no tramo comprendido entre Santiago de Vigo e a nova rotonda da intersección coa prolongación de Rosalía de Castro, coa meta situada á altura da rúa Porto (ver foto).

Trátase dun escenario cun perfil plano que brindará unha gran oportunidade aos velocistas. A carreira terá tres mangas: fondo (20 voltas), esprines (15 voltas, con esprines cada 3) e eliminación. Na proba de eliminación, cairanse dous ciclistas en cada volta ata quedar dez ou once, momento no que a eliminación producirase de un en un. 

A mañá do domingo (10:30 horas) deparará outra atractiva sesión, sobre un escenario completamente distinto, porque a competición neste caso preséntase máis apta para escaladores, cunha cronoescalada entre a Porta do Sol, ao pé do Sireno, e o monte do Castro de 3,64 quilómetros, con saída dos ciclistas de minuto en minuto.

O percorrido será: Porta do Sol, Principe, López de Neira, Progreso, Pracer, Campo de Granada, Marqués de Alcedo, Manuel Olivié e unha volta completa ao circuíto grande do Castro, con meta en Manuel Olivié á altura do parque infantil.

As condicións do trazado impedirán o acompañamento de vehículos de equipo (salvo ao final cos respectivos líderes). Os demais serán seguidos por motos. E situaranse dous puntos de asistencia mecánica no percorrido, un dobre á altura da rotonda do Bicentenario, para dar servizo aos que soben cara a Marqués de Alcedo e aos que baixan polo Paseo dos Cedros, e o outro na zona de meta para asistir aos ciclistas que inician o percorrido ao circuíto do Castro.

carteltrofeociclistavigoDespois da CRI haberá outra subida xa en grupo dende a rotonda do Bicentenario (cruzamento de Camelias e Venezuela), Marqués de Alcedo, Manuel Olivié máis dez voltas a un anel formado polo Paseo dos Cedros, Paseo Cronista Alvarez Blázquez). Serán 21,3 quilómetros.

As probas dos dous días terán clasificacións individuais e darase un trofeo absoluto ao ciclista máis regular das dúas xornadas, prevalecendo en caso de empate o mellor posto na xornada dominical.

Está prevista unha participación dun cento de ciclistas pertencentes a 12 escuadras de Galicia, Portugal e outras comunidades españolas. En definitiva, un evento cargado de atractivos para este final de tempada.

O Gran Premio Cidade de Vigo, que mantén esta denominación dende 1970, ten no seu historial gañadores de renome, caso do propio Óscar Pereiro en 1999.

Antes, levantaron o trofeo ciclistas como Suárez Cuevas (1980), Suso Blanco Villar (1982, 1983 e 1989), Álvaro Pino (1988), o sprinter Alfonso Gutiérrez (1984) ou Manuel Carrera (1990). Neste século, xa como carreira de afeccionados, houbo un triunfo para o ruso Pavel Brutt (2001) e tres vitorias lusas en 2002, 2005 e 2006.

A Fundación VIDE apoia esta xornada de fin de semana a través do seu programa de Voluntariado. Ademais, a Concellería de Deportes que dirixe Manel Fernández comprometeu para este evento unha cantidade económica moi importante.

O Club Ciclsita Vigués-Autronic é unha das referencias históricas da Fundación VIDE dende o programa Siareiros Club ao que pertence.