Destacado arranque de tempada do Autronic - CCV en Zamora

Imprimir

O Autronic - C.C.V. tivo unha destacada actuación no arranque oficial da tempada en Zamora, especialmente no Trofeo Iberdrola, proba de grande raizame no calendario nacional, e na que o equipo vigués conseguiu clasificar tres corredores entre os quince primeiros da xeral, cun sétimo, décimo terceiro e décimo quinto postos, a cargo de Asier Fernández, Rubén Sánchez e Jesús Linares, respectivamente.

Tamén conseguiu concluír a proba Paulo González. Todos eles deron o segundo posto por equipos á formación viguesa. A carreira, disputada sobre 151 quilómetros, tivo como vencedor ao ciclista do Supermercados Froiz Raúl García de Mateo.

Asier Fernández tamén fora sétimo na primeira carreira deste díptico zamorano, o Trofeo Concello de Zamora, que contou coa participación de 144 ciclistas. Nesta xornada Rubén Sánchez clasificouse décimo e Jesús Linares vixésimo segundo, por parte do Autronic - CCV, mentres que a vitoriallela adxudicaba Iván Martínez, GSport - Valencia. O padronés David Raño tamén conseguía un brillante terceiro posto.

En definitiva, excelente comezo do Autronic - CCV, confirmándose que as súas principais bazas son Fernández, Sánchez e Linares, co israelí Yov Bear, que se incorporará ao equipo dentro dun mes. Ao seu lado, os máis ciclistas máis novos do equipo poderán ir curtíndose no traballo e formándose como ciclistas.