Cinco representantes do Autronic nos campionatos de España

Imprimir

O Autronic - CC Vigués terá cinco representantes, nas dúas xornadas do venres e do sábado, dos campionatos de España de ciclismo que se celebrarán esta fin de semana na localidade leonesa de Bembibre, en categorías elite e sub 23. Será Jesús Linares, medalla de bronce nos campionato de Castilla e León celebrados o pasado sábado, o primeiro en entrar en competición, para disputar o título nacional de contra reloxo elite sobre unha distancia de 43,8 quilómetros a partir das 11 da mañá.

Pola tarde, chegará a quenda para Paulo González e Samuel Blanco. Como integrantes da selección galega sub 23, disputarán o título desta categoría que se decidirá sobre un percorrido de 136,4 quilómetros.

Xa na xornada do venres, Linares, Rubén Sánchez e Asier Fernández, competirán polo título elite de fondo sobre o mesmo percorrido dos sub 23.

Outras competicións

Os equipos de escolas e cadetes disputarán en Padrón o Trofeo Patrocinador; mentres que júniors e sub-20 tomarán parte o sábado e o domingo na II Ruta do Albariño, coa primeira xornada dividida en dous sectores: unha cronoescalada matinal e unha etapa en liña pola tarde. Porá broche a esta proba, o domingo, unha etapa con saída e meta en Cambados.

O Autronic - CC Vigués desprazará a terras do Salnés á seguinte formación: Jorge Saldaña, Victor Pombo, Miguel González, Pablo Pachón, Lois Rodríguez, Alejandro Lorenzo, Samuel Blanco e Alejandro Rodríguez.

A cadete Paula González, pola súa banda, volverá ao País Vasco para disputar na mañá do domingo en Tolosa unha nova proba do calendario feminino.