VIDE entregou cheques por un total de 20.000 euros para premiar a traxectoria na campaña 18/19 de vinte deportistas sub-23

Imprimir

BecasDeportSexto ano consecutivo das bolsas VIDE sub-23, con outros 20.000 euros que nesta oportunidade foron a deportistas de disciplinas individuais, aínda que estaban abertas a modalidades de dúos, tríos e cuartetos.

De novo na Casa Galega da Cultura, e esta vez con asistencia de varios patrocinadores importantes da Fundación Vigo en Deporte e do deporte en xeral (Faro de Vigo, Vitrasa, Recalvi, CdeC, Naviera Mar de Ons, Gadis, PSA, New Balance e Frutas Neves), o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou polos seus resultados á vintena de deportistas vigueses receptores dunha axuda de 1.000 euros, e afirmou que "me encanta que gañedes porque os vosos éxitos son os de Vigo".

Manel Fernández, concelleiro de Deportes e responsable de VIDE por delegación de Caballero, lembrou que por terceiro ano consecutivo hai máis bolseiras que bolseiros (un 60% nesta convocatoria, unha ducia de rapazas) e que o número de clubs tamén foi importante: os deportistas pertencen a catorce entidades, destacando o Sieiro Acrobacia, da modalidade de ximnasia, como o máis representado (catro nenas e un neno). En total, dez deportes recibiron premio.

Na súa intervención ante os deportistas e familiares, o alcalde recoñeceu que "valoro moito a cooperación das empresas", ás que agradeceu que, "traballando xuntos, facemos parcelas moi importantes da cidade". O rexedor sostivo que "o triunfo nos fortalece" e manifestou aos deportistas que agora tamén son "referencias" para os practicantes dos seus deportes porque os seus logros "non os fai o común dos mortais".

O xefe do goberno local entregou os cheques acompañado polos patrocinadores, chanceou cos deportistas (María Alonso, do Ajedrez Vila de Bouzas, foi a máis nova ao participar no Mundial sub-8 a tempada pasada), algúns deles representados por irmáns, pais, adestradores ou avóas, ao estar fora competindo, caso de varias gimnastas do Sieiro, estes días no Mundial de Tokio.

Os 20.000 euros supoñen que dende 2014 VIDE, co pulo do Concello e con apoio da iniciativa privada, entregou xa 120.000 € a máis dun cento de deportistas. Nesta oportunidade dez bolseiros repetiron apoio económico respecto de a convocatoria de 2018.

O acto concluíu coa foto de grupo no que foi salón de sesións do antigo concello na Praza da Constitución. Nesta convocatoria que puntuaba os méritos deportivos adquiridos na participación en Campionatos e Copas do Mundo, Europa e España, deportistas de dez modalidades (atletismo, baile deportivo, esgrima, golf, hípica, judo, kickboxing, motonáutica, orientación, squash, taekwondo, vela, xadrez e ximnasia) beneficiáronse desta axuda do Concello a través de VIDE.

Relación bolsas VIDE 2019